Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 9 de setembro de 2022 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para a anualidade 2022 (códigos de
procedemento IF319A e IF319B).

O día 15 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e
IF319B).
A finalidade da dita orde é favorecer que os desprazamentos urbanos e interurbanos se realicen de xeito que se reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro e de contaminantes, e que haxa menos ruído, polo menor uso do coche, á vez que supoña unha mellora da saúde dos usuarios dos modos non motorizados polo exercicio físico, e tamén
a dos que se benefician dunha menor contaminación ambiental e acústica, é dicir, a saúde de todos.

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 500.000,00 euros, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

O artigo 19 da orde establece que o prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de novembro de 2022; non obstante, na actualidade xa se superou amplamente o número de solicitudes para a adquisición dunha bicicleta con pedaleo asistido para as cales existe cobertura orzamentaria suficiente, o que permite constatar o interese da poboación pola mellora da accesibilidade nos seus vehículos, así como o seu compromiso co ambiente e
a redución das emisións de gases contaminantes.

O artigo 2.2 da orde establece que o importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2019, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que prevé, entre outras posibilidades de modificación orzamentaria, a da ampliación de crédito para atender as solicitudes que se presenten. Visto o número de solicitudes presentadas, e o beneficio que suporá para o conxunto da sociedade en termos de mellora ambiental e de saúde, considérase conveniente realizar unha ampliación do crédito destinado a favorecer estes obxectivos.

De acordo co exposto e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como a Orde do 12 de xullo de 2022,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión,
e se convocan para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B), Diario Oficial de Galicia número 135, do 15 de xullo de 2022, por un importe de 500.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 1.000.000,00 euros.
O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destas axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Menú